Novas do GI Esculca

Aberta a preinscrición na Microcredencial Universitaria en Estratexias Docentes para acadar a Implicación das Familias na Educación dos nenos e nenas

17 Novembro 2025
Categorías: Breves | Novas

Desde o grupo de investigación ESCULCA da USC informamos que xa está aberto, ata o 20 de novembro, o período de preinscrición na Microcredencial Universitaria en Estratexias Docentes para acadar a implicación das familias na educación dos nenos e nenas, unha acción formativa vencellada ao proxecto nacional Implica2+.

Esta acción formativa desenvolverase en modalidade híbrida. A sesión presencial terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Sur) o 29 de novembro (sábado), en horario de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 18:00. A partir desta data e ata o 6 de decembro, complementaranse os contidos con sesións de titorización a través da plataforma TEAMS.

O curso ten como obxectivo proporcionar ás persoas participantes ferramentas e estratexias docentes que lles permitan deseñar e implementar plans de acción eficaces para fomentar a participación e implicación activa das familias no proceso educativo e no desenvolvemento integral do alumnado.

A formación é de balde para o profesorado en activo, malia que na ligazón oficial apareza, por defecto, o custo correspondente ao seguro escolar. A microcredencial conta cunha cualificación EQF6 (MEC) e será acreditada mediante certificado EUROPASS, aínda que tamén se poderá solicitar certificado convencional. Actualmente está en proceso o recoñecemento directo da Xunta de Galicia.

O curso ten unha carga de 1 crédito ECTS.

Máis información e preinscrición