Novas do GI Esculca

Claves e reflexións do V Simposio Internacional A Aprendizaxe-Servizo e a Educación Superior

2 Xullo 2026
Categorías: Breves | Novas

A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela acolleu o pasado 25 de xuño o V Simposio Internacional sobre Aprendizaxe-Servizo e Educación Superior, organizado polo Grupo de Investigación Esculca no marco do proxecto de I+D+i El impacto de la universidad en la comunidad a través de los proyectos de Aprendizaje-Servicio. Un estudio centrado en la reciprocidad.

Baixo o lema “A reciprocidade como eixe do vínculo universidade e comunidade”, o simposio centrou o debate nun dos principios fundamentais da metodoloxía ApS: a construción de relacións horizontais e mutuamente enriquecedoras entre a universidade e o seu contorno social. Ao longo da xornada analizáronse os retos actuais da institucionalización da aprendizaxe-servizo, o seu impacto na formación integral do estudantado, o desenvolvemento competencial, a creación de valor social e o fortalecemento da colaboración coas entidades comunitarias.

O encontro reuniu a preto de 250 participantes procedentes de universidades, administracións públicas e entidades sociais, consolidándose como un espazo de referencia para o intercambio de coñecemento e experiencias arredor da aprendizaxe-servizo (ApS) na educación superior.

O programa reuniu investigadoras e investigadores de recoñecido prestixio nacional e internacional, entre eles Manuel Souto Otero (University of Bristol), así como especialistas de diversas universidades españolas e estranxeiras que compartiron evidencias de investigación, experiencias de institucionalización e iniciativas de colaboración entre universidade e comunidade.

Durante toda a xornada púxose de manifesto o crecente interese que esperta a aprendizaxe-servizo como metodoloxía capaz de integrar excelencia académica, compromiso cívico e transferencia social do coñecemento, reforzando o papel da universidade na resposta aos desafíos sociais contemporáneos.