Os profesores Ígor Mella Núñez e Laura García Docampo, membros do GI ESCULCA, están a visitar a Universidade de Cabo Verde entre os días 18 e 21 de novembro de 2025. A visita enmárcase no proxecto “TRAZAS. Tecendo redes para a cidadanía global: a consolidación dun modelo de aprendizaxe-servizo e cooperación ao desenvolvemento”, do que é IP o profesor Alexandre Sotelino e que foi concedido na convocatoria 2025 de proxectos de investigación en cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia.
Durante a estadía na institución caboverdiana terán lugar dúas formacións sobre aprendizaxe-servizo co profesorado, así como reunións co equipo de goberno e con decanos/as das facultades da universidade. O obxectivo último é avanzar nas dinámicas de institucionalización desta metodoloxía a fin de fortalecer as relacións da UNI-CV coa súa contorna comunitaria.

