Novas do GI Esculca

Convocatoria de concurso público para a contratación de persoal no marco do proxecto PC – PEDApS(C)

29 Xuño 2026
Categorías: Destacadas | Novas

A Universidade de Santiago de Compostela vén de publicar a Convocatoria pública de contratación de persoal investigador e de apoio á investigación (Concurso público de méritos nº 7/2026), destinada á incorporación de persoal investigador e de apoio en diferentes proxectos de I+D+i da institución.

Entre as prazas convocadas atópase a correspondente ao proxecto de Proba de Concepto PEDApS(C) – Deseño dun prototipo de plataforma educativa ApS(C) para a mellora da reciprocidade universidade-comunidade, desenvolvido polo Grupo de Investigación ESCULCA. A contratación terá unha duración de 12 meses, con dedicación a tempo completo (35 horas semanais).

O perfil está especialmente orientado a persoas con formación en Desenvolvemento de Aplicacións Web, Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma, Enxeñaría Informática ou titulacións equivalentes. Valorarase especialmente a experiencia acreditable en desenvolvemento web, a formación específica neste ámbito e a capacidade para traballar nun equipo interdisciplinar que integra investigación, tecnoloxía e innovación educativa. Todos os detalles da praza figuran no anexo da convocatoria (páxina 71 do documento).

PROCEDEMENTO PARA A PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:

Segundo se establece nas bases da convocatoria:

  • A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/contratacion.htm
  • Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela https://sede.usc.es/sede/publica/informacion/aspectosTecnicos.htm
  • A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante.
  • O prazo de presentación de solicitudes será de CINCO (5) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria. A solicitude irá asinada pola persoa interesada

Desde o Grupo de Investigación ESCULCA animamos ás persoas que cumpran os requisitos a presentar a súa candidatura. Trátase dunha oportunidade para formar parte dun proxecto de investigación con vocación transformadora, contribuíndo ao desenvolvemento dunha ferramenta dixital que busca fortalecer a aprendizaxe, a participación e a transferencia de coñecemento entre a universidade e a sociedade.

Acceso á convocatoria (PDF).