Os profesores Miguel A. Santos Rego, Alexandre Sotelino Losada e a profesora Ana Vázquez Rodríguez, membros do GI Esculca, desenvolveron unha visita de traballo a Cabo Verde no marco do proxecto “TRAZAS. Tecendo redes para a cidadanía global: a consolidación dun modelo de aprendizaxe-servizo e cooperación ao desenvolvemento”, financiado pola convocatoria de Proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, da Xunta de Galicia.
Durante a estadía, o equipo mantivo encontros institucionais cos equipos reitoriais da Universidade de Cabo Verde (UNI-CV) e da Universidade Jean Piaget de Cabo Verde, co obxectivo de fortalecer as relacións de colaboración académica e avanzar no desenvolvemento das accións previstas no proxecto.
A visita tamén incluiu actividades de recollida de información e traballo de campo, así como diferentes accións formativas dirixidas á comunidade universitaria caboverdiana, centradas na metodoloxía da aprendizaxe-servizo e no seu potencial para promover a cidadanía global, o compromiso social e a cooperación ao desenvolvemento desde a educación superior.
Esta nova acción internacional contribúe á consolidación das redes de colaboración entre Galicia e Cabo Verde impulsadas polo proxecto TRAZAS, reforzando o intercambio de coñecementos e experiencias orientadas á institucionalización de prácticas educativas comprometidas coa transformación social e cos principios da Axenda 2030.

