Recentemente, vénse de publicar o MOOC “Reciprocidade e comunidade na aprendizaxe-servizo. Chaves para unha práctica educativa transformadora ” no marco do proxecto de investigación “O impacto da universidade na comunidade a través dos proxectos de aprendizaxe-servizo. Un estudo centrado na reciprocidade” (PID2021-122827OB-I00), baixo a coordinación dos profesores Miguel A. Santos Rego, Mar Lorenzo Moledo e Alexandre Sotelino.
O obxectivo principal do curso é promover un enfoque da Aprendizaxe-Servizo centrado na comunidade, proporcionando chaves para o deseño e desenvolvemento de prácticas educativas transformadoras baseadas na reciprocidade e na construcción de relacións de colaboración entre a universidade e as entidades sociais. Desde esta perspectiva, preténdese favorecer unha comprensión da ApS que supere unha visión da comunidade como mera receptora do servizo e recoñeza o seu papel como axente activo na identificación de necesidades, o deseño, o desenvolvemento e a avaliación dos proxectos.
O MOOC estrutúrase en tres módulos, e cada un incorpora un vídeo introductorio no que se presentan os principais contidos e conceptos de referencia, seguido dunha actividade de aplicación e reflexión e dun vídeo de resolución ou análise da actividade.
