O GI Esculca vén de publicar na Editorial Octaedro o libro “Manual básico para la formación en aprendizaje-servicio y educación para el desarrollo en la universidad”, unha obra de autoría de Alexandre Sotelino Losada, Laura García Docampo, David García Romero e Jésica Núñez García.
A publicación ofrece unha aproximación teórica e práctica á Aprendizaxe-Servizo (ApS) e á súa relación coa Educación para o Desenvolvemento no ámbito universitario. Ao longo dos seus capítulos preséntanse fundamentos, orientacións e recursos destinados a facilitar o deseño, desenvolvemento e avaliación de proxectos, prestando especial atención á participación comunitaria, á reciprocidade, á cidadanía global e ao compromiso social da universidade.
O manual constitúe tamén un dos resultados do traballo desenvolvido no marco do proxecto TRAZAS, no que o GI Esculca continúa avanzando na formación, transferencia e institucionalización da Aprendizaxe-Servizo como estratexia para fortalecer a relación entre universidade e comunidade.
A obra está dispoñible en acceso aberto a través da Editorial Octaedro.
