Grupos e contextos pedagóxicos
Desenvolvendo técnicas en espazos reaisTitulación
Grao en Pedagoxía
Materia
Técnicas de Educación e Formación en Grupo
Curso
3º curso
Profesorado
Cristina Varela Portela (coordinadora)
Ana Rodríguez Groba (curso 2022/2023)
Cursos académicos de desenvolvemento
2022/2023
Convocatorias
VII Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en ApS
O servizo á comunidade
As aprendizaxes
A reflexión
A avaliación
Vinculación con ODS
Difusión
O servizo á comunidade
Este proxecto xorde da problemática derivada da xestión das relacións intra e inter grupais na sociedade actual, máis pronunciada dende as situacións onde o social foi relegado, feito que ten graves consecuencias en diferentes ámbitos da nosa vida, especialmente na saúde mental.
As relacións están vencelladas á participación comunitaria, polo que é evidente a necesidade social de formarnos para xestionar os procesos grupais e as interaccións persoais dende o ámbito educativo.
O tecido social da nosa Comunidade presenta diferentes necesidades en función das súas características e o contexto onde se desenvolven, pero todas as relacións grupais levan asociadas conflitos que requiren certa formación no seu manexo.
Neste proxecto todos os grupos trataron de cubrir as necesidades das entidades implicadas a través de diferentes Técnicas de Educación e Formación en Grupo.
Polo tanto, en cada unha das entidades o servizo adaptouse á súa realidade:
- O alumnado dinamizou en tres centros escolares á xuventude co obxectivo de detectar as necesidades, demandas e expectativas da mocidade, a través dun foro de debate, fomentando a súa autonomía, na busca de recursos, e formalización do grupo cara outras fórmulas como a creación dunha asociación.
- Asociación Arela. O alumnado deseñou e implementou técnicas dirixidas a mellorar a comunicación entre os usuarios da asociación.
- Escola de Karate Akai Ryu de Negreira. O estudantado deseñou e implementou técnicas cos alumnos da escola de kárate de cara a axudarlles a xestionar a frustración antes e despois das competicións, así como a manexar a xestións das emocións.
- Facultade de Ciencias da Educación. O alumnado deseñou un cuestionario para o alumnado do primeiro curso e, a partir das súas achegas, deseñou a xornada de benvida do vindeiro curso académico co obxectivo de mellorar a participación do estudantado de novo ingreso (neste caso, a implementación será a primeira semana de curso polas súas características).
- Centro de Día Máis Vivir. O alumnado deseñou e implementou diferentes técnicas para fomentar a comunicación, a cohesión e a coordinación co grupo de usuarios do centro de maiores.
- Asociación Erasmus Student Network (ESN). Neste caso, encargáronse de desenvolver técnicas encamiñadas a promover a cohesión grupal entre estudantes universitarios estranxeiros así como a mellorar a interacción social creando vínculos interculturais.
As aprendizaxes
O alumnado aprendeu a deseñar, implementar e avaliar técnicas de educación e formación en grupo así como habilidades relacionais propias da súa futura profesión. Ademais, tendo en conta as competencias do Grao en Pedagoxía, destacamos aquelas que se acadaron:
– Relacionarse con outras persoas e grupos, con especial énfase no traballo en equipo e na colaboración con outros profesionais (CT2).
– Involucrarse na resolución de problemas (CT4).
E, concretamente, destácanse as dúas competencias que máis se axustan ao proxecto, pola súa natureza: Desenvolver estratexias e aplicar técnicas para promover a participación e a dinamización de grupos en diferentes contextos educativos (CE3.1) e deseñar medios e recursos educativos adaptados e contextualizados ás necesidades educativas (CE2.2).
A reflexión
Durante o desenvolvemento do proxecto, creáronse diferentes momentos onde se incentivou a reflexión a partir da práctica. Deste xeito, habilítanse os seguintes foros que conectan curriculum con servizo:
- Sesións grupais de seguimiento na aula. Unha vez ao mes todas/os os/as participantes do proxecto reúnense nas sesión interactivas onde se traballa sobre os avances, problemáticas, desafíos ou trabas que están tendo no desenvolvemento particular das iniciativas. Nestas sesións o profesorado aproveita para evidenciar os contidos curriculares e a súa concreción na práctica.
- Sesións grupais de seguimento en titorías. Alomenos en dúas ocasións durante o cuadrimestre cada equipo de traballo debe reunirse co profesorado para analizar as particularidades de cada entidade e dos plans elaborados.
- Sesión de presentación de resultados. Ao final do semestre o alumnado presenta na aula o proxecto elaborado facendo partícipe as súas compañeiras e compañeiros de todo o proceso e da xustificación técnica das decisións tomadas.
A avaliación
O Proxecto enmárcase na materia Técnicas de Educación e Formación en Grupo. Así, na última sesión de aula, os diferentes grupos expoñen as súas técnicas para que os seus compañeiros/as e as docentes as coñezan. Ademais, cada grupo fai entrega dun informe onde tamén se recolle a avaliación por parte das entidades participantes.
Polo tanto, as docentes avaliarán o informe entregado e a exposición na aula, o alumnado realiza unha autoavaliación e, as entidades participantes, avalían o servizo recibido.
A vinculación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

4. Educación de calidade

10. Redución das desigualdades
Reducir a desigualdade en e entre os países.

17. Alianzas para lograr os obxectivos
Revitalizar a Alianza Mundial para o Desenvolvemento Sostible.