Maestr@s + Educador@s
Construíndo a historia da educación en GaliciaTitulación
Materia
Teoría e Historia da Educación Escolar
Curso
Profesorado
Alexandre Sotelino Losada (coord.) e Patricia Alonso Ruido
Cursos académicos de desenvolvemento
2018/2019; 2019/2020; 2020/2021
Convocatorias
O servizo á comunidade
As aprendizaxes
A reflexión
A avaliación
Vinculación con ODS
Difusión
O servizo á comunidade
Obxectivo global do proxecto
Ancorar a nosa mirada nas/os educadoras/es que contribuíron a sentar as bases dunha pedagoxía sólida, non só é de recibo, senón que permite elaborar o discurso pedagóxico actual desde unha posición menos esencialista. A materia “Teoría e Historia da Educación Escolar” é unha materia de formación básica nas titulacións do Grao en Mestra/e de Educación Primaria. Na Universidade de Santiago de Compostela (USC), esta disciplina ofrece ao alumnado a primeira toma de contacto cunha formación específica orientada á adquisición de competencias que favorezan a comprensión do fenómeno educativo analizando os fundamentos teóricos, históricos e as estratexias de intervención pedagóxica desde os marcos educativos de referencia.
Ao longo da materia as/os estudantes realizarán unha viaxe a través do estudo das/os grandes educadoras/es, desde as principais figuras da ilustración ata as/os referentes contemporáneos. Con todo, a pesar de que na actualidade a historiografía da educación en Galicia é basta, os tempos académicos dificultan atender ao estudo en profundidade das/os educadoras/es galegas/os. Dito doutro xeito, as limitacións temporais permiten que só se traballen referentes clásicos da pedagoxía. Unha situación que fai que o alumnado, futuras/os profesionais da educación, descoñezan a historia máis próxima no que ás ciencias da educación se refire.
Fronte a esta realidade o Proxecto “Construíndo a historia da educación en Galicia” pretende poñer en valor a docentes e educadoras/es galegas/os. Así, ponse o foco na traxectoria de referentes clave que, ao longo da historia da educación en Galicia, contribuíron a sentar as bases dunha cidadanía máis crítica e igualitaria. Partindo sempre dunha metodoloxía cuxo eixo transversal sexa a perspectiva de xénero. Desta forma, preténdese facer visibles especialmente a mulleres, educadoras, mestras e pedagogas que, a pesar de vivir no ostracismo social e cultural, formaron parte da historia da educación que, tampouco en Galicia, foi xenerosa con elas.
Fases do proxecto
A materialización desta proposta iníciase coa presentación ao alumnado do Proxecto como unha das opcións de traballos grupais na materia [Fase I]. Desta forma, preséntaselles o obxectivo: poñer en valor a mestras/os e educadoras/é de Galicia que contribuísen coa súa traxectoria persoal e profesional á construción da historia da educación. Para iso, as e os estudantes deben realizar un proceso de procura de información [Fase II] indagando en fontes secundarias (revisión bibliográfica, audiovisual…); e/ou dirixíndose directamente á fonte primaria cando sexa posible, entrevistando ás/ós protagonistas. Posteriormente, deben elaborar un informe sobre a autora/autor traballado [Fase III] achegando os seus datos sociodemográficos, traxectoria docente e profesional, influencias pedagóxicas e achegas á cultura e educación galega. Este traballo escrito é só unha parte da súa tarefa, xa que o Proxecto pretende dar un paso máis facendo chegar á comunidade as traxectorias das figuras traballadas.
A continuación, as/os estudantes elaboran un póster [Fase IV] cun formato preestablecido no que se plasman os datos demográficos básicos de cada mestra/e e educador/a e catro ideas clave que definen a súa traxectoria e achegas á cultura e educación en Galicia (Figura 1). Estes pósters formaron parte de paneis informativos en exposicións que se inauguraron na Facultade de Ciencias da Educación da USC, durante os tres últimos cursos de vida do Proxecto. Esta é sen dúbida a súa esencia, con todo, o servizo xerado non só debe impactar na realidade offline, senón que tamén debe xerar pegada no espazo virtual. Por tanto, o proxecto foi evolucionando ao longo da súa vida incorporando ferramentas tecnolóxicas ampliando o seu servizo en tres esferas:
- Blogue. Un repositorio dixital de información que serviu para trasladar á virtualidade o traballo das/os estudantes (durante os cursos 18/19 e 19/20)
- Wikipedia. As/os estudantes contribuíron a crear, actualizar, modificar e contrastar a información existente en relación ás/os educadoras/as galegas/os. Para iso creáronse páxinas propias naqueles casos nos que non existan, e engadido ou modificado a información na que xa estean activas (durante o curso 20/21).
- Redes Sociais. Algúns dos pósters elaborados no perfil da rede social Facebook do GI-ESCULCA (grupo de investigación ao que se circunscribe este Proxecto) (durante todos os anos de vida do proxecto).
Para pechar o traballo, as/os estudantes elaborarán una exposición breve que deberán presentar ante o gran grupo [Fase V]. Neste sentido esta exposición oral irá acompañada da entrega dun produto (informe) que entregaran xunto aos pósteres elaborados.
Responsabilidades do alumnado
- Participa activamente na procura de referentes da historia da educación en Galicia, sempre baixo a supervisión do equipo docente.
- Encárgase de dar sentido a forma (debuxa ou reproduce o rostro da/o protagonista) e o fondo (identifica as ideas pedagóxicas chave da/o referente traballado) do póster.
- Elabora un informe final que de conta do traballo de investigación en torno aos referentes traballados.
As aprendizaxes
Relación do servizo realizado cos contidos da materia
A pesar de que o proxecto ten unha correlación positiva xeral con todos os apartados da materia é especialmente destacable o vínculo co bloque III da materia. É precisamente neste apartado onde se abordan os diferentes referentes pedagóxicos contemporáneos. Deste xeito as/os estudantes poden conectar directamente aos referentes “clásicos” traballados nas sesións expositivas coas/cos protagonistas que traballan grupalmente.
Neste senso, as e os estudantes abordan os contidos teóricos dunha forma mais interactiva: por unha banda investigando o posicionamento das/os docentes nos que se centran (se abordaban o traballo de aula dende una perspectiva tradicional, se recorrían a técnicas propias da escola nova ou mesmo se levaban ao día a día estratexias concretas dalgún/dalgunha referente pedagóxico); por outra banda, prodúcese un proceso de retroalimentación positiva co servizo realizado xa que non só ven como o seu traballo ten un impacto real na contorna, senón que tamén consultan e interactúan cos demais pósteres polo que o aprendizaxe se maximiza.
Competencias máis traballadas
- Capacidade para a resolución de problemas. O conflito é inherente as relacións humanas e nun traballo grupal é evidente que xorden problemáticas que os grupos deberán solucionar. Propor traballos grupais no primeiro curso (que é precisamente no que se circunscribe esta materia) permitirá ao alumnado aprender a xestionar os diferentes puntos de vista e resolver de forma cooperativa as dificultades que poidan emerxer ao longo do proceso de elaboración do traballo.
- Capacidade de traballo en equipo. Intrinsecamente relacionada coa competencia anterior, as habilidades para traballar en equipo son outra das competencias desenvoltas con esta proposta. As/os estudantes deben aprender a xestionar a elaboración dos diferentes produtos de forma verdadeiramente colaborativa.
- Capacidade para presentar en público produtos, ideas, informes. O estudantado ademais de elaborar un póster, teñen que presentar un informe no que comenten a grandes rasgos: os datos sociodemográficos mais relevantes (sempre dende unha perspectiva de xénero que evite caer en sesgos sexistas), a traxectoria docente e profesional, así como as influencias pedagóxicas e achegas á cultura e educación galega. Non obstante, poderán abordar todos aqueles datos que consideren relevantes en cada caso particular.
- Capacidade de comunicación oral e escrita. A defensa final do traballo así como o informe que cada grupo de estudantes ten que presentar porá en cuestión a capacidade de redacción e expresión oral e escrita. Ademais, na procura dun traballo equilibrado entre as/os integrantes de cada equipo de traballo, tan só unha persoa exporá o traballo final. Non obstante, ate o mesmo día da defensa do traballo non se lles indicará quen vai ser a/o encargada/o de facelo. Deste xeito, o esforzo por preparar unha defensa oral correcta, clara e sistemática non se concentrará nunha soa persoa; senón que, todas/os as/os membros do grupo de traballo deberán preparar con calidade a defensa para alcanzar a máxima nota para todo o grupo.
- Capacidade para a utilización das TIC. Na actualidade, as aulas universitarias están formadas por unha xeración absolutamente dixital que fai un uso da rede natural e intuitivo. Neste traballo deberán dar un paso mais no manexo dos medios tecnolóxicos e recursos virtuais, pois teñen que aprender a filtrar toda a información que atopen na internet e chegar ao datos verdadeiramente útiles e académicos.
A reflexión
O proceso de reflexión neste proxecto é continuado ao longo do cuadrimestre e, por tanto, durante todo o proceso de elaboración do traballo. Neste sentido, pódense concretar os momentos de reflexión en tres:
- Sesións grupais de seguimento. Polo menos unha vez ao mes todas/os os/as estudantes implicadas/os reúnense nunha sesión onde se expón en gran grupo os avances, problemáticas, desafíos ou trabas que están tendo no desenvolvemento particular das iniciativas. Despois, entre todas e todos establécese un debate no cal se buscan sinerxias e onde xorden posibles solucións que permiten continuar nas diferentes realidades. Nestas sesións o profesorado aproveita para evidenciar os contidos curriculares e a súa concreción na práctica.
- Sesións individuais de seguimento. Polo menos en dúas ocasións durante o cuadrimestre cada equipo de traballo debe reunirse co profesorado para analizar as particularidades de cada entidade e dos plans elaborados.
- Sesión final grupal. O momento de presentación final do traballo é o espazo idóneo para a reflexión conxunta, non só coas/cos estudantes implicados no proxecto senón tamén co resto do grupo aula. Preténdese establecer un debate construtivo en torno a cada unha das figuras traballadas, establecendo paralelismo entre elas así como comentando os puntos mais relevantes déstas/déstes autores e das súas visións pedagóxicas.
A avaliación
A avaliación terá que facerse no marco da materia de Teoría e Historia de la Educación Escolar. Será computada pola parte práctica da materia (25%). Para a valoración da experiencia tomarase en conta:
- Seguimento do traballo.
- Titorías individuais e adaptadas.
- Informe final.
- Póster.
A vinculación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

4. Educación de calidade

5. Igualdade de xénero
Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas.

10. Redución das desigualdades
Reducir a desigualdade en e entre os países.

17. Alianzas para lograr os obxectivos
Revitalizar a Alianza Mundial para o Desenvolvemento Sostible.