Proxecto Hermés

Inclusión, educación e pedagoxía dende a raíz

Titulación

Grao en Mestre/a de Educación Primaria e Dobre Grao en Mestre/a de Educación Infantil e Primaria

Materia

Diversidade e Escola Inclusiva

Curso

3º curso

Profesorado

Iris Estévez Blanco (coordinadora)

Cursos académicos de desenvolvemento

2022/2023

i

Convocatorias

VII Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en ApS (Modalidade Emerxente)

O servizo á comunidade
As aprendizaxes
A reflexión
A avaliación
Vinculación con ODS
Difusión

O servizo á comunidade

    O servizo prestado á comunidade parte da necesidade informada pola institución (CEE Manuel López Navalón) de establecer pontes de conexión entre os axentes que teñen un papel clave no avance e mellora do proceso de inserción socio-laboral das persoas con discapacidade (concretamente, do alumnado matriculado nos programas formativos de FP).

    Deste xeito, un dos obxectivos do ApS era o establecemento de vías de intercambio de coñecemento e a xeración de espazos de interacción entre Universidade-Administración-Sociedade. Así, no proceso de recollida de datos para a elaboración dos traballos do alumnado e de transferencia dos informes derivados, xa se deu cumprimento parcial a esa meta (universidade-CEE). Asemade, de forma complementaria, o 28 de abril de 2023 celebrouse no Pazo de Fonseca (USC) a “XORNADA de EDUCACIÓN, ARTESANÍA E INCLUSIÓN: NOVOS DESAFÍOS PARA VELLAS DEMANDAS”, onde se xeraron actividades formativas (o alumando universitario presentou os resultados do seu traballo de investigación), divulgativas (asistiron representantes da administración, profesionais e expertos relatores na temática e dúas asociacións -Artefíos e Artesanía de Galicia- que traballan nesta senda) e lúdicas (o alumnado do CEE presentou os produtos que elaboran xunto co seu profesorado nos módulos formativos); de transferencia (asistiron á xornada profesionais da USC -SEPIU- e cargos de xestión da institución, as familias do alumnado do CEE e mestres/as en exercicio). Esta xornada deu resposta a outro dos obxectivos claves do ApS: a posta en valor das organizacións que traballan en prol da inserción sociolaboral de persoas con discapacidade.

    As aprendizaxes

    A finalidade deste proxecto baseouse en poñer en valor a entidades, asociacións e centros que traballan en prol da inserción sociolaboral de persoas con discapacidade. Concretamente, nesta primeira edición temos contactado con asociacións que promoven a artesanía como unha vía de empregabilidade e socialización entre os/as seus/as usuarios/as.
    A participación do alumnado universitario tivo carácter voluntario, cun total de vinte cinco persoas implicadas (acadando o máximo de prazas ofertadas). Concretamente, configuráronse 5 equipas que se vincularon a cada un dos programas formativos de FP do CEE Manuel López Navalón (Artesanía, Restauración, Botánica, Carpintaría e Tecidos).
    Como produto derivado do proceso de aprendizaxe, o estudantado elaborou un traballo de investigación, coa finalidade de facer unha aproximación investigativa preliminar ó proceso de configuración da identidade docente e de desenvolvemento profesional dos mestres/as que traballan nun CEE, e unha análise da institución (estrutural, organizativa, lexislativa, humana) dende un paradigma inclusivo.
    As aprendizaxes acadadas polo alumnado, grazas á súa implicación no proxecto ApS Hermés, poderían identificarse co desenvolvemento das seguintes competencias:

    1. Competencias relativas á materia como: a) Identificar e planificar a resolución de situacións educativas que afectan a estudantes con diferentes capacidades e distintos ritmos de aprendizaxe; b) Coñecer formas de colaboración cos distintos sectores da comunidade educativa e da contorna social; c) Coñecer, considerar e valorar a diversidade do alumnado, entendendo dita diversidade como factor de enriquecemento persoal, social, cultural e de aprendizaxe; d) Deseñar e desenvolver proxectos educativos e unidades de programación que permitan adaptar o currículo á diversidade do alumnado; e e) Traballar, colaborativamente con outros profesionais, a atención ás necesidades educativas especiais do centro e a comunidade educativa.
    1. Competencias relativas á titulación como deseñar e regular espazos de aprendizaxe en contextos de diversidade e que atendan á equidade e ao respecto aos dereitos humanos, e que conformen os valores da formación cidadá.
    1. Competencias de carácter transversal, tales que: a) Habilidades persoais, relacionais, sociais e cívicas; b) Destrezas comunicativas e de oratoria; e c) Xestión e selección de información.

    A reflexión

    Un dos elementos clave da práctica educativa desenvolta no marco de Proxecto ApS Hermés é a reflexión dos axentes involucrados a partir da práctica. Alén desta idea, deséñanse espazos e escenarios que promovan a xeracións de prácticas reflexivas de carácter grupal e individual:
    Sesións grupais macro. Durante o desenvolvemento do proxecto convócanse dúas xuntanzas cos/as participantes, onde se xera un intercambio de información sobre os obxectivos alcanzados, as problemáticas xurdidas e o avance da iniciativa.  
    Sesións grupais micro. Cada semana as cinco equipas de traballo que configuran o alumnado da materia reúnese co profesorado para informar dos avances do informe que están a realizar sobre as temáticas de cada traballo, asociadas a cada un dos módulos formativos do centro escolar. Nestas titorías resólvense dúbidas, faise unha posta en común da calidade da interacción intragrupo e  faise un seguimento polo miúdo dos progresos nos produtos xerados.
    Sesión de presentación de resultados. Ao final de semestre o alumnado participante presenta os resultados do seu traballo e da experiencia de participación no proxecto Hermés na última sesión de aulas; facendo unha presentación oral diante de todos/as os seus compañeiras/os e do profesorado da materia.
    Celebración da XORNADA EDUCACIÓN , ARTESANÍA E INCLUSIÓN: NOVOS DESAFÍOS PARA VELLAS DEMANDAS, coa finalidade de creación de pontes de conexión entre Universidade-Administración-Sociedade. Cóntase coa participación de moitos dos colectivos involucrados  na transformación socioeducativa cara a un modelo inclusivo. Este evento está baseado no intercambio de coñecemento, de pareceres, e de información. Consecuentemente, realízase retrato holístico da situación grazas á participación dos seguintes colectivos: Universidade (alumnado, profesorado, SEPIU, cargos de xestión institucional), CEE Manuel López Navalón (profesorado, alumnado e familias), representantes da administración autonómica (Xunta de Galicia), e organizacións do tecido asociativo (Artesanía de Galicia, Artefíos). A idea clave e que emerxan propostas dende cada unha das perspectivas e se materialicen sinérxicamente en propostas e vías de mellora dende un fundamento científico, experiencial, académico, institucional, profesional e persoal, sobre a construción dun modelo de atención á diversidade funcional baseado na equidade, na normalización das diferencias, nas potencialidades das persoas e  na xustiza social.

    A avaliación

    A avaliación farase no marco da materia de Diversidade e Escola Inclusiva e ten un peso porcentual específico na cualificación final. Esta distribución faise do seguinte modo:

    • Autoavaliación: Informes de autoavaliación elaborados polo alumnado participante no proxecto, con respecto a: a) os resultados obtidos no traballo específico produto da práctica educativa; e, b) proceso de ensino-aprendizaxe derivado da súa implicación no proxecto ApS Hermés.
    • Heteroavaliación:
      • Traballo final da materia: informe de investigación (30% da nota final).
      • Presentación do traballo oral na última sesión de clase cos seus compañeiros/as (10% da nota final).
      • Presentación de Pósters cos resultados do traballo final na Xornada Educación , Artesanía e Inclusión: Novos Desafíos Para Vellas Demandas (10% da nota final).

    A vinculación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

    Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4: Educación de calidade

    4. Educación de calidade

    Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas.
    Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 8: Traballo decente e crecemento económico

    8. Traballo decente e crecemento económico

    Promover o crecemento económico inclusivo e sostible, o emprego e o traballo decente para todos e todas.

    Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 10: Redución das desigualdades

    10. Redución das desigualdades

    Reducir a desigualdade en e entre os países.

    Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 16: Paz, xustiza e institucións sólidas

    16. Paz, xustiza e institucións sólidas

    Promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas.

    Difusión

    • Divulgación en páxina web e redes sociais (Instagram e Facebook) do GI Esculca
    • Información na plataforma oficial da Institución da Universidade de Santiago de Compostela
    • Redes das Entidades colaboradoras
      • CEE Manuel López Navalón  (Santiago de Compostela
      • Fundación Artesanía de Galicia (Santiago de Compostela)
      • Asociación Artefíos
      • Asociación para a Inclusión de Persoas con Discapacidade Intelectual (Vigo)