Proxecto PEINAS
Pedagoxía Intercultural e Aprendizaxe-ServizoTitulación
Grao en Pedagoxía
Materia
Pedagoxía Intercultural
Curso
2º curso
Profesorado
Miguel Ángel Santos Rego (coordinador)
Alexandre Sotelino Losada
Cursos académicos de desenvolvemento
2011/2012; 2012/2013; 2013/2014; 2014/2015; 2015/2016; 2016/2017; 2017/2018; 2018/2019; 2019/2020; 2020/2021; 2021/2022; 2022/2023
Convocatorias
I, II, III, IV, V, VI e VII Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en ApS
O servizo á comunidade
As aprendizaxes
A reflexión
A avaliación
Vinculación con ODS
Difusión
O servizo á comunidade
1. Inserción sociolaboral de colectivos culturalmente diversos. O alumnado estuda os perfís profesionais dos/as usuarios/as das diferentes entidades e posteriormente desenvolve unha intervención adaptada. En ocasións, as/os propios participantes impartiron diferentes cursos formativos referidos a habilidades sociorelacionais, elaboración de currículos, técnicas de procura de emprego, manexo de plataformas en liña…
2. Optimización e mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe. As alumnas e alumnos preparan diferentes sesións de técnicas de estudo cos/as usuarios/as para axudarlles a optimizar o seu proceso de aprendizaxe. De maneira eventual, tamén participaron en programas de alfabetización acompañando e apoiando ao persoal encargado deste tipo de iniciativas.
3. Lecer e tempo libre. Nalgunha das edicións e en entidades concretas, téñense posto en marcha diferentes iniciativas vinculadas á pedagoxía do lecer. É así que o alumnado programaba múltiples actividades para as/os nenos/as durante a duración do proxecto, axudando na organización de actividades relevantes e senlleiras para o colectivo (Día nacional do Senegal, Día do pobo Xitano, Día da non discriminación por motivos raciais…).
4. Difusión e sensibilización. Por último, deseñáronse diferentes campañas de sensibilización, procurando empoderar aos receptores das diferentes iniciativas en habilidades relacionais e interculturais. Así, leváronse a cabo xogos de rol, dinámicas participativas e campañas, na universidade e en institutos de Secundaria de zonas próximas á capital de Galicia. Todos eles deseñados, programados e implementados polo alumnado participante.
Cabe salientar, que por mor da COVID, no ano 2020 suspendeuse o proxecto cando xa estaba iniciado. Nos anos 2021 e 2022 tense adaptado ás novas circunstancias incorporando unha ferramenta virtual como é a Revista “Olladas” na cal se difunden contidos vinculados á xestión educativa da diversidade cultural e a prevención da discriminación. Así, ademais de elaborar contidos específicos, téñense realizado entrevistas, reportaxes e outro tipo soportes audiovisuais que se difunden a través das diferentes Redes Sociais habilitadas.
As aprendizaxes
As aprendizaxes que se extraen desta experiencia poderían clasificarse en tres grupos. En primeiro lugar, estarían os directamente relacionados coa materia de Pedagoxía Intercultural, isto é: concepto de pedagoxía intercultural, intervención pedagóxica en e para a xestión da diversidade cultural, implementación de técnicas e recursos específicos (xogos de rol, aprendizaxe cooperativa, dilemas morais…) ou coñecementos culturais, entre outros. Pero nas experiencias de ApS apréndese moito máis que os contidos específicos vinculados á disciplina na que se sitúa o proxecto. Neste sentido, o alumnado adquire coñecementos e competencias da titulación que cursa (Grao en Pedagoxía), destacando: deseño e implementación de programas educativos, avaliación das escolas, institucións e recursos educativos, programación en contextos educativos diversos, selección e uso de técnicas de estudo, habilidades didácticas e metodolóxicas. Ademais, o PEINAS supón para o/a participante un incremento no seu desenvolvemento persoal, experiencia que incide nunha mellora significativa da aprendizaxe de competencias derivadas da práctica, xunto a valores asociados. Produce un incremento da motivación, a autoestima e as expectativas persoais, xa que a súa acción ten un valor tanxible nun contexto real e concreto.
A reflexión
Durante o desenvolvemento do PEINAS, o profesorado dálle moita importancia á creación de momentos onde se incentive a reflexión a partir da práctica. Deste xeito, habilítanse os seguintes foros que conectan currículum con servizo:
- Sesións grupais de seguimento. Unha vez ao mes todas/os os/as participantes do proxecto reúnense nunha sesión onde se expón en gran grupo os avances, problemáticas, desafíos ou trabas que están tendo no desenvolvemento particular das iniciativas. Despois, entre todas e todos establécese un debate no cal se buscan sinerxias e onde xurden posibles solucións que permiten continuar nas diferentes realidades. Nestas sesións o profesorado aproveita para evidenciar os contidos curriculares e a súa concreción na práctica.
- Sesións individuais de seguimento. Alomenos en dúas ocasións durante o cuadrimestre cada equipo de traballo debe reunirse co profesorado para analizar as particularidades de cada entidade e dos plans elaborados.
- Sesión de presentación de resultados. Ao final de cuadrimestre o alumnado deberá presentar en aula o proxecto elaborado facendo partícipe as súas compañeiras e compañeiros de todo o proceso e da xustificación técnica das decisións tomadas.
- Redes sociais e blog do proxecto. O PEINAS ten habilitado un blog e diferentes perfís nas redes sociais onde o alumnado vai mostrando de maneira pública os seus quefaceres no marco das entidades. Deste xeito, ademais da evidente difusión de resultados, preténdese que centren a comunicación que queren facer chegar as destinatarias desa información.
A avaliación
A avaliación terá que facerse no marco da materia de Pedagoxía Intercultural. Será computada pola parte práctica da materia (30%). Para a valoración da experiencia tomarase en conta:
- Titorías de grupo.
- Titorías individuais e adaptadas.
- Portafolios da experiencia, onde se recollan:
- Obxectivos.
- Ensaio crítico (relacionando contidos e experiencia).
- Valoracións.
- Opinión das asociacións receptoras.
A vinculación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

4. Educación de calidade

5. Igualdade de xénero
Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas.

10. Redución das desigualdades
Reducir a desigualdade en e entre os países.

16. Paz, xustiza e institucións sólidas
Promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas.

17. Alianzas para lograr os obxectivos
Revitalizar a Alianza Mundial para o Desenvolvemento Sostible.
Difusión
- Blog do proxecto: https://peinasusc.blogspot.com/
- Redes proxecto:
- Vídeo USC: https://www.usc.gal/gl/servizos/sepiu/sc102/12.peinas.html
- Premio Spanish Universities Involvement in Social Innovation Activities (Suisia) – https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/proxecto-peinas-reconecido-marco-spanish-universities-involvement-social-innovation-activities-suisia
- Publicacións
- Priegue-Caamaño, D., e Sotelino, A. (2016). Aprendizaje-Servicio y construcción de una ciudadanía intercultural: El proyecto PEINAS. Foro de Educación, 14(20), 361-382. http://dx.doi.org/10.14516/fde.2016.014.020.018
- Sotelino , A., Santos-Rego, M. A., e García-Álvarez, J. (2019). El aprendizaje-servicio como vía para el desarrollo de competencias interculturales en la Universidad. Educatio Siglo XXI, 37(1), 73–90. https://doi.org/10.6018/educatio.363391
- Sotelino, A., García-Álvarez, J. e Santos-Rego, M.A.(2016). Pedagogía Intercultural y compromiso cívico del alumnado universitario: El proyecto PEINAS, en M.A. Santos-Rego, A. Sotelino, e M. Lorenzo-Moledo (Eds.), Aprendizaje-Servicio e innovación en la universidad. Actas VII Congreso Nacional y II Internacional de Aprendizaje-Servicio Universitario (pp. 781-787). Universidade de Santiago de Compostela, Servicio de Publicaciones e Intercambio Científico.
- Sotelino, A. (2014). Pedagogía intercultural y aprendizaje-servicio. El proyecto PEINAS, en L. Rubio, L. Moliner, e A. Francisco-Amat (Eds.), Construyendo ciudadanía crítica y activa. Experiencias sobre el aprendizaje servicio en las universidades del estado español (pp. 61-78). Editorial Icaria.