Grupo de Innovación Docente IAFSE

O Grupo de Innovación Docente en Investigación en Actividade Física, Saúde e Educación (GID-IAFSE) está inscrito dende o mes de outubro de 2026 no rexistro de Grupos de Innovación Docente da Universidade de Santiago de Compostela, co código GID-143. Intégrao, maioritariamente, profesorado da Facultade de Ciencias da Educación do ámbito da Educación Física.

O grupo nace para dar unha estrutura estable ao traballo de innovación que este profesorado desenvolve na formación inicial de mestres e mestras e doutros/as profesionais da educación. O seu propósito é deseñar, aplicar e avaliar propostas didácticas que vinculen a actividade física, a saúde e a educación, e trasladar ese coñecemento á docencia universitaria, aos centros educativos e á comunidade. Está vinculado ao Grupo de Investigación ESCULCA, co que comparte a súa aposta pola transferencia e pola responsabilidade social universitaria.

Coordinador: Prof. Dr. José Eugenio Rodríguez Fernández

]

Obxectivos

  • Promover a innovación e a mellora continua da docencia universitaria no ámbito da actividade física, a saúde e a educación.
  • Capacitar o alumnado das titulacións da Facultade en Soporte Vital Básico, primeiros auxilios e promoción da actividade física saudable, como competencias do seu futuro labor profesional.
  • Impulsar e institucionalizar proxectos de Aprendizaxe-Servizo que conecten a formación universitaria coas necesidades de centros educativos e entidades sociais.
  • Deseñar, aplicar e avaliar metodoloxías activas e recursos didácticos innovadores para a ensinanza da motricidade, o xogo e a expresión corporal.
  • Elaborar e difundir materiais didácticos útiles tanto para a universidade como para os centros educativos e a comunidade.
  • Fomentar a colaboración interdisciplinaria entre o profesorado da USC e con outros grupos, institucións e entidades.
  • Difundir os resultados das experiencias de innovación en xornadas, congresos e publicacións especializadas.
I

Liña de traballo en Innov. Educativa

  1. Aprendizaxe-Servizo en motricidade e expresión corporal. Proxectos nos que o alumnado universitario aprende a deseñar e dinamizar propostas motrices mentres presta un servizo real a centros educativos e entidades do contorno, como o proxecto EXCORAS.
  2. Motricidade infantil, xogo e expresión corporal. Propostas didácticas centradas no desenvolvemento motor, no xogo e na expresión corporal como vías de aprendizaxe e de benestar físico, mental e social.
  3. Saúde, actividade física saudable e primeiros auxilios. Formación en Soporte Vital Básico (SVB), reanimación cardiopulmonar e uso do desfibrilador, primeiros auxilios no contexto escolar e promoción de estilos de vida activos e saudables desde a infancia.
  4. Metodoloxías activas e avaliación formativa na formación do profesorado. Deseño, experimentación e avaliación de metodoloxías activas na docencia universitaria vinculada á actividade física e á saúde.

A formación en Didáctica da Actividade Física, Saúde e Educación

A formación é un dos eixos centrais do GID-IAFSE. O grupo integra nas materias que imparte o seu profesorado contidos e experiencias prácticas sobre educación para a saúde, actividade física saudable e primeiros auxilios, coa intención de que o futuro profesorado saia da Facultade preparado para promover hábitos activos e para actuar ante unha emerxencia no centro escolar.

Nesta liña, o grupo organiza accións formativas en Soporte Vital Básico e primeiros auxilios dirixidas ao alumnado universitario e, progresivamente, a docentes en exercicio e ao alumnado dos centros educativos. Estas accións inspíranse nas recomendacións internacionais que defenden a formación en reanimación desde a etapa escolar e o papel do profesorado como axente clave nesa formación.

Ademais, o profesorado do grupo participa en seminarios, obradoiros, xornadas e congresos sobre didáctica da Educación Física, motricidade infantil, actividade física e saúde e Aprendizaxe-Servizo, contribuíndo á actualización docente e á transferencia do coñecemento xerado.

Iniciativas

Aprendizaxe-Servizo. Proxecto EXCORAS: aprendizaxe experiencial a través do movemento na Educación Infantil

  • Persoa responsable do GID: José Eugenio Rodríguez Fernández.
  • Titulación/s vinculada/s: Grao en Mestre/a de Educación Infantil, Dobre Grao en Mestre/a de Educación Infantil e en Mestre/a de Educación Primaria, Xogo Infantil e Didáctica da Expresión e Comunicación corporal.
  • Edicións: 2016-2018 e 2018-2027 (como Proxecto de Innovación Educativa concedido pola USC).

Ambientes de aprendizaxe para nenos/as de Educación Infantil

  • Persoa/s responsable/s do GID: José Eugenio Rodríguez Fernández e Alba Oliveira Baleirón.
  • Edición/s: Realización de 5 ambientes de aprendizaxe para alumnado de Educación infantil (3-6 anos) do CEIP López Ferreiro: “O noso circo” (6º A de infantil); “O fondo mariño” (6º B de infantil); “Halloween” (4º A de infantil); “A nosa cidade” (4º B de infantil); “O Camiño de Santiago” (3º A e B de infantil).

Actividade realizada na Facultade de Ciencias da Educación -campus norte- da USC no mes de outubro de 2026.

XIGAID. IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente. Contextos universitarios transformadores: tecendo redes de futuro

  • Persoa/s responsable/s do GID: Alba Oliveira Baleirón e José Eugenio Rodríguez Fernández.
  • Edición/s: Presentación da experiencia didáctica titulada “Pausas activas e rutinas de movemento en Educación Infantil: impacto no desenvolvemento físico, mental e social” e participación na Mesa Redonda: Pílulas de boas prácticas.

Actividade realizada na Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña, o 22 de outubro de 2026.

O ensino da RCP mediante microlearning

  • Persoa/s responsable/s do GID: Martín Barcala Furelos, Javier Rico Díaz e José Eugenio Rodríguez Fernández.
  • Edición/s: Actividade do programa da Semana da Ciencia 2026 “Máis alá das aulas”.

Actividade realizada na Facultade de Ciencias da Educación -campus norte- da USC o 18 de novembro de 2026).